Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta amplía a 30.000 euros o límite para pedir adiamentos ou fraccionamentos de impostos sen ter que presentar garantía


Na actualidade este aval requírese para os importes superiores a 18.000 euros

A Xunta de Galicia ampliará a 30.000 euros o límite para que os contribuíntes poidan solicitar o aprazamento ou fraccionamento dun imposto sen ter que presentar garantía na Axencia Tributaria de Galicia, con independencia de que se atope en período voluntario ou en período executivo de pago.

Así, a Consellería de Facenda vai aprobar neste mes de febreiro unha orde que permitirá ampliar o límite ata os 30.000 euros, posto que na actualidade a Administración solicita un aval para aquelas débedas superiores aos 18.000 euros. Esta modificación beneficiará os contribuíntes galegos porque terán máis facilidades para cumprir coas súas obrigas tributarias, ao tempo que dotará de maior axilidade a xestión destas solicitudes.

A concesión de aprazamentos e fraccionamentos permite aos contribuíntes afrontar o pagamento das súas débedas tributarias da forma que máis se acomode á súa situación financeira e de tesourería, permitindo ás familias e empresas dispoñer de máis tempo para satisfacer esa débeda e contar máis liquidez.

Este cambio afectará a todas as solicitudes de aprazamentos ou fraccionamentos de pago de débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia. Isto inclúe os tributos propios, as taxas e todos os ingresos de dereito público non tributarios: multas, sancións ou reintegro de subvencións.

De maneira complementaria, a Administración central –a través do Ministerio de Hacienda- está a tramitar un cambio de características similares para os tributos cedidos, o que permitirá ampliar este límite tamén aos impostos cedidos que xestiona a Comunidade Autónoma, coma o de Transmisións Patrimoniais ou Actos Xurídicos Documentados.

Máis aprazamentos e fraccionamentos
Dende 2009, a Administración tributaria galega vén concedendo aprazamentos e fraccionamentos de impostos por un importe medio anual de 24,6 millóns de euros. Isto supón duplicar os adiamentos concedidos entre 2005 e 2008, cando o importe medio anual era de 10,2 millóns de euros.